Fundación Musical de Xinzo
Coa FINALIDADE de apoiar o desenvolvemento de actividades culturais e formativas non reguladas ligadas á Banda de Música Xuvenil de Xinzo, así como tamén á Escola de Música de Xinzo, créase unha FUNDACIÓN con fin de acadar a participación de entidades ou de persoas con capacidade de xestión, que queiran colaborar para deseñar estratexias, buscar, xerar e xestionar os recursos económicos necesarios para acadar dito desenvolvemento.
Características
- Con dirección autónoma.
- Non partidista (os membros da dirección non terán militancia política activa).
- Xestión realizada con profesionalidade e transparencia.
- Aberta á participación de persoas físicas e xurídicas privadas ou públicas.
Dirección
Está formada por un padroado composto por un mínimo de 4 membros designados pola Xunta Directiva da Banda de Música Xuvenil de Xinzo.
Obtención de recursos
- Contribución persoais *.
- Contribución de empresas e entidades *.
- Subvencións de entidades públicas.
- Resultados de actividades empresariais nos que participe a Fundación.
- Herdanzas e doazóns.
- Rendas do patrimonio.
(*) Réxime fiscal das contribución de persoas físicas ou empresas/entidades regulado “Lei 49/2002, do 23 de decembre, de réxime fiscal das entidades sen fines lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado”:
Ámbito
A Fundación desenvolverá as súas actividades principalmente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Constitución
A Fundación constitúese oficialmente o 11 de xullo de 2017.
Obxetivos
- Promocionar as actividades culturais e musicais en tódalas ordes.
- Fomentar a sensibilización musical mediante a organización de concertos, actividades, recitais, representacións, edicións e publicacións.
- Conservar e fomentar o patrimonio artístico musical e folclórico galego, especialmente o referido á zona de Ponteareas e arredores.
- Contribuír a desenvolver e potenciar cantas actividades ou accións sexan posibles para fomentar e instruír na arte musical á poboación que así o requira.
- Axudar ao desenvolvemento das Escolas de Músicas e de diversos tipos de formacións musicais como corais, grupos de música de cámara, grupos folclóricos, etc.
- Fomentar o desenvolvemento das Bandas de Música.
- Protexer e apoiar aos integrantes das Bandas de Música para que se poidan formar de maneira que, de cara un futuro, incrementen as súas posibilidades de ter unha saída profesional no ámbito musical.
- Ofrecer e facilitar o acceso de toda a poboación a unha formación non regrada, práctica e teórica, dentro do campo musical.
- Fomentar a organización de concertos, festivais, encontros e outras actividades culturais, sociais e educativas, organizadas por diferentes institucións, públicas ou privadas.
- Fomentar a igualdade de xénero.
- Fomentar a creación e difusión cultural da lingua galega.
- Buscar e xerara recursos económicos para o desenvolvemento de todos os fins numerados anteriormente.
Dotación inicial
A Fundación constitúese cuns bens materiais valorados en 34.400€, á cal se engadirán o total das contribucións económicas sucesivas que ó longo do ano 2018 e posteriores se obteñan co fin de completar a que será a dotación inicial, que pasará a formar parte do patrimonio fundacional.
As contribucións económicas sucesivas obteranse das persoas, empresas ou outras entidades que preferentemente teñan o seu domicilio social ou fiscal na parroquia de Xinzo ou no Concello de Ponteareas.
Poboación: Familias vinculadas á Banda de Música Xuvenil de Xinzo ou a súa Escola de Música, ás cales suponse que estarán máis facilmente implicadas no proxecto. Estímase de 100 a 200 familias. Outras familias, estimándose de 400 a 800.
Empresas: Empresas medianas e pequenas de Xinzo ou da súa contorna. Empresas foráneas pero relacionadas con Xinzo por actividades, propiedades, empregados, clientes, etc.
Entidades: Cámara de comercio, bancos, etc.
Fundador
A Banda de Música Xuvenil de Xinzo.
Benfeitores
Tódalas empresas, institucións e persoas que doen recursos económicos.
Colaboradores
Persoas, empresas e institucións que axuden con medias físicos ou recursos humanos a realizar as actividades da Fundación.
Actividades formativas non reguladas
Destinadas a facilitar o acceso, potenciar actitudes e crear habilidades musicais na poboación de Xinzo e a súa contorna:
- Fomentarase a sensibilización musical mediante a organización de concertos, actividades, recitais, representacións, edicións e publicacións en colaboración coa Banda de Música Xuvenil de Xinzo.
- Impulsarase o aumento da oferta educativa así como da súa calidade, para a formación non regrada no ámbito musical que se oferte dende a Escola de Música de Xinzo.
- Apoio aos integrantes da Banda de Música Xuvenil de Xinzo para que se poidan formar de maneira que, de cara un futuro, incrementen as súas posibilidades de ter unha saída profesional no ámbito musical.
Posicionamento
Na actualidade, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo e a súa Escola de Música teñen unha necesidade moi clara: a necesidade de crecer. Nestes últimos anos a Banda de Música Xuvenil de Xinzo vén de acadar diversos premios e recoñecementos a nivel municipal, provincial e autonómico. Pero agora chega o momento de dar un paso máis na súa consolidación como unha das Bandas de Música máis prestixiosas da provincia de Pontevedra. Este crecemento pasa inevitablemente por aumentar o apoio económico destinado á Escola de Música de Xinzo e á propia Banda de Música Xuvenil de Xinzo, co obxectivo de aumentar a oferta educativa así coma a súa calidade docente, compra de material, instrumental e participación en intercambios e certames fóra de Galicia.
Memoria
Antecedentes
Dende a súa fundación en 1979, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo estivo sempre desenvolvendo grandes proxectos de interese cultural. A Escola de Música, fundada en 1989, máis a Banda de Música son o eixo cultural-educativo máis destacado da parroquia Ponteareá de Xinzo, xa que nela participan máis dun centenar de persoas de Xinzo e das zonas limítrofes. Nestes últimos anos a Banda de Música Xuvenil de Xinzo ven de acadar diversos premios e recoñecementos a nivel municipal, provincial e autonómico:
Ano | Premio | Sección | Certame |
2005 | 3º | Segunda | V Certame Provincial de Bandas de Música |
2007 | 3º | Segunda | VII Certame Provincial de Bandas de Música |
2007 | 2º | Segunda | I Certame Galego de Bandas de Música |
2008 | 1º | Segunda | I Concurso Zonal de Bandas de Música |
2008 | 2º | Segunda | VIII Certame Provincial de Bandas de Música |
2009 | 1º | Segunda | IX Certame Provincial de Bandas de Música |
2010 | 1º | Segunda | III Concurso Zonal de Bandas de Música |
2011 | 1º | Segunda | XI Certame Provincial de Bandas de Música |
2012 | 2º | Segunda | VI Certame Galego de Bandas de Música |
2014 | 1º | Terceira | XIII Certame Provincial de Bandas de Música |
2014 | 1º | Segunda | VIII Certame Galego de Bandas de Música |
No ano 2014, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo recibe o “Premio Concello de Ponteareas” pola súa contribución no eido cultural.
No ano 2017, recibe da Xunta de Galicia, a través de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), o premio á mellor iniciativa xuvenil de desenvolvemento rural de Galicia. Consolidándose así como un referente galego da música bandística e da cohesión social.
A Escola de Música de Xinzo ten unha demanda cada vez mais elevada de alumnado, pois debemos subliñar que a parroquia de Xinzo ten unha poboación de mais de 1.500 veciños, dos que cerca de 500 son menores de idade, e ademais a situación xeográfica deste parroquia fai que os veciños das parroquias limítrofes manteñan unha participación moi activa na vida de Xinzo, tanto é así que en este intre a Escola de Música de Xinzo conta con alumnado moitas parroquias veciñas.
A Escola de Música de Xinzo acaba configurándose como un equipamento que vai máis alá do ámbito da educación, incluso máis alá da cultura, representando un instrumento transversal no servizo aos cidadáns do seu ámbito territorial de influencia. A función da Escola de Música de Xinzo non é só formativa, se non que tamén social e cultural.
Ademais centos de persoas asisten ós concertos e audicións organizados pola Banda e pola Escola de Música de Xinzo, o que xera unha poboación cada vez máis sensible e culta.
Todas estas iniciativas culturais foron sempre promovidas por persoas entusiastas, imaxinativas, con moita vontade e poucos recursos. A todos eles debemos respectalos polo seu traballo desinteresado e admirar o seu esforzo extraordinario para sacar adiante estes proxectos que hoxe podemos gozar aquí, e que aprecian noutros pobos como un modelo bandístico a seguir.
Prodúcese así en Xinzo un fenómeno de impulso cultural e educativo-musical que se debe valorar positivamente tratando de conservalo e potencialo ata onde sexa posible.
O proxecto
Por todo o exposto anteriormente, xorde a idea de buscar recursos alternativos para dar máis forza e visibilidade ós plans actuais da Banda de Música Xuvenil de Xinzo e da súa Escola de Música, para animar a deseñar outros novos e para axudar a solucionar os problemas de sostemento económico desta iniciativas culturais e educativas.
Créase así unha organización, sen ánimo de lucro, denominada Fundación Musical de Xinzo, que terá afectado o seu patrimonio permanente á realización dos fins de interese xeral que en cada período a súa dirección defina. Cumprindo sempre o principio reitor do desenvolvemento de actividades culturais e educativas promovidas pola Banda de Música Xuvenil de Xinzo e/ou pola súa Escola de Música.
Para desenvolver coas máximas garantías as actividades culturais e educativas, as persoas que integran o padroado son designadas pola Xunta Directiva da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. O padroado está formado por un mínimo de catro persoas solventes, de traxectoria educativo-musical contrastada, ás que se respectará na súa xestión.
A Xunta Directiva da Banda de Música Xuvenil de Xinzo deberá presentar anticipadamente á Fundación o seu presuposto anual para afrontar as súas necesidades económicas. Outras novas iniciativas culturais e educativas que xurdan nos anos vindeiros serán apoiadas de xeito similar.
No ámbito da Escola de Música de Xinzo, o Fundación contribuirá na mellora da oferta educativa co obxectivo de achegar a ensinanza musical ao maior número de persoas posibles de Xinzo e da súa contorna.
A Fundación Musical de Xinzo é un proxecto social que nace con vocación de futuro, que será posible se se prepara o relevo xeracional na súa dirección. Ó ser a xuventude o colectivo máis directamente beneficiado deben ser eles os que decidan o que queren obter, e de entre eles saír os padroados que levarán adiante a obra que agora bota a andar.
O futuro
Para o éxito deste proxecto vai ser necesario establecer un diálogo constante e creativo entre o padroado da Fundación e a Xunta Directiva da Banda de Música Xuvenil de Xinzo.
Acadar que a Escola de Música de Xinzo e a súa Banda de Música crezan de xeito cualitativo e cuantitativo de forma sólida, converténdose nun referente autonómico, significará a mellora educativa, social e cultural de toda a poboación de Xinzo e a súa área de influenza.
Este proxecto cultural-educativo ten unha estreita relación coa xuventude. Unha xuventude cada vez máis preparada, con más oportunidades e con novos valores, é un colectivo dun gran potencial se se lle crean esperanzas para acadar os seus obxectivos, traballando motivados no sentido adecuado.
Dela sairán persoas capacitadas para deseñar e dirixir novos plans. Xunto con eles, achegando as nosas experiencias, queremos traballar na Fundación e crear outras fontes de xeración de recursos para as actividades culturais e educativo-musicais ligadas á Banda de Música Xuvenil de Xinzo.
Os valores cos que queremos afrontar o futuro están aquí. Algúns son antigos e hai que recuperalos e potencialos, outros son novos e temos que fomentalos e melloralos.
A esta Fundación presupónselle un papel fundamental para decidir e guiar un futuro de éxitos da Banda de Música Xuvenil de Xinzo. A nós tocaranos vivir nel. Xuntos podemos facelo máis doado.
Padroado
O primeiro padroado da Fundación Musical de Xinzo está formado por sete persoas de contrastada traxectoria educativo-musical e xestora:
Presidente D. Francisco Jesús Represas Carrera
Vicepresidenta Dª. Blanca Represas Alonso
Secretaria D. María del Carmen Represas Alonso
Tesoureira Dª. Silvia Fernandes Táboas
Vogal Dª. Segunda Carrera Iglesias
Vogal Dª. Ana María Acebedo Varela
Vogal D. Manuel Collazo Francisco
Estatutos
TÍTULO PRIMEIRO DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Denominación e natureza
Ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución española, coa denominación de “Fundación Musical de Xinzo”, constitúese unha organización de natureza fundacional, de interese galego, sen ánimo de lucro, cuxo patrimonio está afectado de modo duradeiro á realización dos fins de interese xeral que se establecen nestes estatutos.
Artigo 2. Domicilio e ámbito de actuación
O domicilio da Fundación radicará no Centro Cultural de Xinzo, Lugar Portela s/n, 36891 Xinzo (Ponteareas). O Padroado poderá promover o cambio de domicilio, mediante a oportuna modificación estatutaria, con posterior comunicación ao Protectorado e inscrición no Rexistro de Fundacións.
A Fundación desenvolverá as súas actividades principalmente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o mellor cumprimento dos seus fins, a Fundación poderá crear delegacións en territorio distinto ao do seu ámbito de actuación, así como establecer relacións instrumentais con terceiros en calquera ámbito territorial.
Artigo 3. Personalidade e capacidade
A Fundación terá personalidade xurídica desde a inscrición da escritura pública de constitución no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, que lle atribúe plena capacidade xurídica e de obrar, e poderá realizar, en consecuencia, todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento dos fins fundacionais, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.
A Fundación constitúese por tempo indefinido. Porén, se nalgún momento os fins propios da Fundación se consideraren cumpridos, ou for imposible a súa realización, o Padroado poderá acordar a extinción, de conformidade co disposto na lexislación vixente e nestes estatutos.
Artigo 5. Réxime normativo
A Fundación rexerase pola vontade do fundador expresada nestes estatutos, polas disposicións que en interpretación e desenvolvemento deles estableza o Padroado e, en todo caso, pola Lei do Parlamento de Galicia 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e polas demais normas que as desenvolvan ou substitúan.
Así mesmo, tamén se rexerá polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións; pola Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, e polo Real decreto 1270/2003, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento para a aplicación do réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, así como pola restante normativa que sexa de aplicación.
TÍTULO SEGUNDO OBXECTO DA FUNDACIÓN
A Fundación ten como fins:
- Promocionar as actividades culturais e musicais en tódalas ordes.
- Fomentar a sensibilización musical mediante a organización de concertos, actividades, recitais, representacións, edicións e publicacións.
- Conservar e fomentar o patrimonio artístico musical e folclórico galego, especialmente o referido á zona de Ponteareas e arredores.
- Contribuír a desenvolver e potenciar cantas actividades ou accións sexan posibles para fomentar e instruír na arte musical á poboación que así o requira.
- Axudar ao desenvolvemento das Escolas de Músicas e de diversos tipos de formacións musicais como corais, grupos de música de cámara, grupos folclóricos, etc.
- Fomentar o desenvolvemento das Bandas de Música.
- Protexer e apoiar aos integrantes das Bandas de Música para que se poidan formar de maneira que, de cara un futuro, incrementen as súas posibilidades de ter unha saída profesional no ámbito musical.
- Ofrecer e facilitar o acceso de toda a poboación a unha formación non regrada, práctica e teórica, dentro do campo musical.
- Fomentar a organización de concertos, festivais, encontros e outras actividades culturais, sociais e educativas, organizadas por diferentes institucións, públicas ou privadas.
- Fomentar a igualdade de xénero.
- Fomentar a creación e difusión cultural da lingua galega.
- Buscar e xerara recursos económicos para o desenvolvemento de todos os fins numerados anteriormente.
O desenvolvemento do obxecto fundacional poderá ser realizado directamente pola Fundación ou mediante colaboración con outras entidades, organismos, institucións ou persoas que contribúan á consecución dos fins fundacionais.
Artigo 7. Actividades fundacionais
Para a consecución dos fins mencionados no artigo anterior, a Fundación pode realizar as seguintes actividades:
- Organización de actividades músico-culturais.
- Organización de cursos, concertos, actividades, seminarios, charlas e actos de índole musical.
- Accións para fomentar as relacións de colaboración con poderes e institucións públicas, empresas privadas e organizacións non lucrativas que permitan un mellor cumprimento dos fins da Fundación.
- Calquera outra actividade que o Padroado considere axeitada para o cumprimento dos fins da Fundación.
A Fundación poderá realizar actividades económicas que teñan por obxecto o cumprimento dos fins fundacionais, ou sexan complementarias ou accesorias das anteriores, con sometemento ás normas reguladoras da defensa da competencia.
Artigo 8. Liberdade de actuación
O Padroado terá plena liberdade para determinar as actividades da Fundación tendentes á consecución daqueles obxectivos concretos que, ao xuízo daquel e dentro do cumprimento dos seus fins, sexan máis adecuados ou convenientes en cada momento.
TÍTULO TERCEIRO REGRAS BÁSICAS PARA A APLICACIÓN DOS RECURSOS AO CUMPRIMENTO DOS FINS FUNDACIONAIS E PARA A DETERMINACIÓN DOS BENEFICIARIOS
Artigo 9. Destino das rendas e ingresos
A Fundación destinará o patrimonio e as súas rendas ao cumprimento dos fins fundacionais.
Á realización dos fins fundacionais deberá ser destinado, polo menos, o setenta por cento dos resultados das explotacións económicas que se desenvolvan e dos ingresos que se obteñan por calquera outro concepto, deducidos os gastos realizados para a súa obtención, e o resto deberase destinar a incrementar a dotación fundacional ou a reservas, segundo acordo adoptado polo Padroado. Non se incluirán no cálculo dos ingresos as doazóns recibidas en concepto de dotación, nin as ganancias obtidas na transmisión de bens ou dereitos afectados á dotación fundacional, sempre que se reinvistan en bens dotacionais.
O prazo para o cumprimento desta obriga será o comprendido entre o inicio do exercicio en que se obtiveron e os catro anos seguintes ao peche do dito exercicio
Os gastos de administración non poderán superar a porcentaxe fixada na lexislación vixente.
Artigo 10. Publicidade das actividades
O Padroado dará información suficiente dos fins e das actividades da Fundación a través das tecnoloxías da información e da comunicación nos termos sinalados no artigo 27 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, para que sexan coñecidos polos eventuais beneficiarios e demais interesados.
Artigo 11. Beneficiarios
Os fins da Fundación están dirixidos, con carácter xenérico, ás seguintes colectividades de persoas:
- Persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que promovan o desenvolvemento cultural e musical, e que posúan o seu domicilio social en Galicia.
A determinación dos beneficiarios será efectuada polo Padroado con criterios de imparcialidade e non discriminación.
A regra básicas para a determinación dos beneficiarios é a seguinte:
- Persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que promovan o desenvolvemento cultural e musical, e que posúan o seu domicilio social en Galicia.
TÍTULO CUARTO ÓRGANOS DA FUNDACIÓN: ÓRGANOS DE GOBERNO E ÓRGANOS DE XESTIÓN
I – ÓRGANOS DE GOBERNO
Artigo 12. O Padroado
O Padroado é o órgano de goberno, representación e administración da Fundación, e executará as funcións que lle corresponden con suxeición ao disposto no ordenamento xurídico e nestes estatutos.
Corresponde ao Padroado o cumprimento dos fins fundacionais e a administración dos bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación, mantendo o seu rendemento e utilidade.
Artigo 13. Carácter gratuíto do cargo de patrón
Os patróns exercerán o seu cargo gratuitamente, sen prexuízo do dereito a que se lles reembolsen os gastos debidamente xustificados que o desempeño da súa función lles ocasione.
Artigo 14. Composición
O Padroado estará composto por un mínimo de 4 membros designados pola Xunta Directiva da Banda de Música Xuvenil de Xinzo.
Poderán ser membros do Padroado as persoas físicas que teñan plena capacidade de obrar e non estean inhabilitadas para o exercicio de cargos públicos nin se atopen incursas en causa de incompatibilidade.
As persoas xurídicas poderán formar parte do Padroado e deberán designar a persoa física que as represente.
Os patróns que sexan persoas físicas deberán exercer o seu cargo persoalmente; non obstante, poderá actuar no seu nome e representación outro patrón designado por el.
Artigo 15. Regras para a designación e substitución dos seus membros
A designación dos membros que integren o primeiro Padroado será efectuada polos fundadores e constará na escritura de constitución.
A designación de novos membros será realizada polo Padroado que figure inscrito no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, por acordo da maioría dos seus membros
O patróns desempeñarán as súas funcións por períodos de 3 anos, renovaranse por metades cada 6 anos e poderán ser reelixidos.
O Padroado, dentro do último mes do período do mandato vixente, procederá á designación dos novos membros.
Artigo 16. Aceptación dos membros do Padroado e inscrición no rexistro
Os patróns entrarán a exercer as súas funcións logo de aceptaren expresamente o seu cargo. Esta aceptación poderá constar no outorgamento da carta fundacional, en documento público independente, en documento privado con sinatura lexitimada por un fedatario público, mediante comparecencia realizada ante o Rexistro de Fundacións de Interese Galego, ou perante o Padroado, e acreditarase mediante certificación expedida polo secretario co visto e prace do presidente.
A designación dos membros do Padroado e os seus cargos e a correspondente aceptación serán notificadas polo Padroado ao Protectorado e inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Artigo 17. Organización do Padroado
O Padroado designará de entre os seus membros un presidente, un vicepresidente e un tesoureiro. Así mesmo, o Padroado designará un secretario, cargo que poderá recaer nunha persoa allea ao Padroado; neste caso terá voz pero non voto.
Ao presidente correspóndelle exercer a representación da Fundación ante toda clase de persoas, autoridades e entidades públicas ou privadas; acordar a convocatoria das reunións do Padroado; fixar a orde do día; presidir as reunións; dirixir e moderar os debates; someter a votación os acordos e, de ser o caso, dispoñer a execución dos acordos adoptados, para o cal poderá realizar toda clase de actos e asinar os documentos que sexan necesarios para tal fin.
O presidente dispón de voto de calidade para resolver os empates que se poidan producir nas votacións das reunións do Padroado.
Corresponderalle ao vicepresidente realizar as funcións do presidente nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade. Tamén poderá actuar en representación da Fundación naqueles supostos en que así se determine por acordo do Padroado.
Artigo 20. O tesoureiro
Corresponderalle ao tesoureiro/a realizar as seguintes funcións:
- Ostentar a dirección da administración fiscal da Fundación.
- Custodiar e levar os libros de contabilidade e os inventarios, así como todos os documentos económicos precisos para a elaboración de contas e balances.
- Preparar os orzamentos e as contas anuais para a súa presentación ante o Padroado e o
- Recadar e custodiar os fondos pertencentes á Fundación.
- Dar cumprimento as ordes de pago que ordene o Presidente.
Son funcións do secretario:
- Efectuar a convocatoria das reunións do Padroado por orde da presidencia e realizar as correspondentes citacións aos membros do Padroado.
- Asistir ás reunións do Padroado, con voz e voto se forma parte do Padroado, ou só con voz en caso contrario.
- Custodiar a documentación da Fundación, redactar as actas correspondentes ás reunións do Padroado e transcribilas ao correspondente libro de actas.
- Expedir as certificacións co visto e prace da presidencia, en relación cos acordos adoptados polo Padroado.
- Calquera outra inherente á súa condición de secretario, e aquelas que expresamente lle sexan atribuídas.
Nos supostos de vacante, ausencia, imposibilidade ou enfermidade, o secretario será substituído polo Tesoureiro ou o que estableza a lei.
Artigo 22. Facultades do Padroado
Na súa actuación, o Padroado deberase axustar ao preceptuado na lexislación vixente e á vontade dos fundadores manifestada nestes estatutos.
Con independencia das funcións que lle atribúen os presentes estatutos e sen prexuízo de solicitar, se é o caso, as preceptivas autorizacións ao Protectorado, a título enunciativo, serán facultades do Padroado:
- Exercer o goberno, a representación, a inspección, a vixilancia e a orientación da Fundación.
- Interpretar e desenvolver os presentes estatutos e, de ser o caso, adoptar acordos sobre a súa modificación, sempre que resulte conveniente para os intereses da Fundación e a mellor consecución dos seus fins.
- Fixar as liñas xerais de funcionamento da entidade e de distribución e aplicación dos fondos dispoñibles entre as actividades da Fundación.
- Acordar a apertura e o peche dos seus centros, oficinas e delegacións
- Nomear apoderados xerais ou especiais, outorgar poderes e revogalos.
- Aprobar o plan de actuación e as contas anuais que serán obxecto de presentación ao Protectorado.
- Delegar as súas facultades nun ou máis patróns, sen que poidan ser obxecto de delegación:
- A aprobación das contas anuais e do plan de actuación.
- A modificación dos estatutos.
- O acordo de fusión, extinción ou liquidación da Fundación.
- Calquera acto que precise a autorización ou aprobación do Protectorado.
Artigo 23. Obrigas e dereitos dos membros do Padroado
Na súa actuación, o Padroado deberase axustar ao establecido na lexislación vixente e á vontade do fundador manifestada nestes estatutos.
Son obrigas dos membros do Padroado:
- Cumprir e facer cumprir os fins fundacionais.
- Administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación mantendo o seu rendemento, utilidade e produtividade segundo os criterios económico-financeiros dun bo xestor.
- Asistir ás reunións do Padroado e velar pola legalidade dos acordos que se adopten nelas.
- Realizar os actos necesarios para a inscrición da Fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Son dereitos dos membros do Padroado:
- Recibir a convocatoria coa orde do día e asistir ás reunións dos órganos de que formen parte.
- Exercer o dereito de voto.
- Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.
Artigo 24. Responsabilidades dos patróns
Os patróns deberán desempeñar o seu cargo coa dilixencia dun representante leal.
Os patróns responderán solidariamente fronte á Fundación dos danos e perdas que causen por actos contrarios á lei ou aos estatutos ou polos realizados sen a dilixencia con que deben desempeñar o cargo. Quedarán exentos de responsabilidade os que voten en contra do acordo e os que proben que, non intervindo na súa adopción e execución, descoñecían a súa existencia ou, coñecéndoa, fixeron todo o conveniente para evitar o dano ou, polo menos, se opuxeron expresamente a aquel.
Artigo 25. Cesamento e suspensión dos membros do Padroado
O cesamento e suspensión dos membros do Padroado producirase nos supostos previstos no artigo 24 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e ademais polas seguintes causas:
- Por falecemento, inhabilitación ou incompatibilidade.
- Por incorrer nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 6 do regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interesa galego.
- Por ter sido condenados por sentencia firme como consecuencia da acción fundacional de responsabilidade.
- Por deixar de desempeñar o cargo en razón do cal foron designados, sen prexuízo da súa substitución por un novo titular.
- Polo transcurso do prazo, se foron designados por tempo determinado, sen prexuízo da súa reelección.
- Por renuncia, a cal será efectiva dende o momento en que se lle notifique formalmente ao órgano de goberno da Fundación, e deberá facerse na forma prevista para a aceptación do cargo de patrón.
- Por remoción acordada polos fundadores, polo órgano de goberno da fundación coa maioría á que se refire o artigo 13.3 do regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, ou polos tribunais, por instancia do protectorado, logo da tramitación de expediente.
- Por falla de asistencia ás reunións do padroado, tres consecutivas ou seis no período dun ano.
- Por discrepancias graves e continuadas co resto dos membros do padroado.
O cesamento e a suspensión dos membros do Padroado comunicaráselle ao Protectorado e inscribirase no Rexistro de Fundacións.
Artigo 26. Reunións do Padroado
O Padroado reunirase, polo menos, dúas veces ao ano e tantas veces como sexa preciso para a boa marcha da Fundación. Corresponde ao presidente ordenar a convocatoria das reunións, por propia iniciativa ou por petición das dúas terceiras partes dos membros do Padroado.
A convocatoria expresará a orde do día, así como o lugar, a data e a hora da reunión. Cursarase por escrito e farase chegar a cada un dos membros, polo menos, con nove días de anticipación á data da súa celebración, por calquera medio que permita deixar constancia da súa recepción.
Non será precisa convocatoria previa cando, estando presentes todos os patróns, acorden por unanimidade a celebración da reunión e a correspondente orde do día.
Artigo 27. Formas de deliberar e adoptar acordos
O Padroado entenderanse validamente constituído cando concorran, presentes ou representados, na forma legalmente establecida, polo menos a metade máis un dos seus membros.
Os acordos serán inmediatamente executivos e adoptaranse por maioría absoluta dos asistentes; en caso de empate será dirimente o voto do presidente. Non obstante, requirirase voto favorable de 2/3 partes dos membros do Padroado para aprobar acordos que se refiran á reforma ou modificación dos estatutos, e á disposición de bens a título gratuíto, á fusión, á escisión ou á extinción da Fundación.
Das reunións do Padroado elaborará a acta o secretario, que deberá ser subscrita por todos os membros presentes e aprobada na mesma ou na seguinte reunión. Unha vez aprobada, transcribirase no correspondente libro de actas e será asinada polo secretario co visto e prace do presidente.
II – ÓRGANOS DE ASESORAMENTO E XESTIÓN
Artigo 28. Consellos asesores
O Padroado poderá crear consellos asesores e comisións de estudo, así como órganos similares con funcións de apoio e asesoramento, para o mellor desenvolvemento dos fins fundacionais.
A creación, modificación e supresión destes órganos, así como a súa composición, deberán ser notificadas ao protectorado e inscritas no Rexistro de Fundacións.
Artigo 29. Xerente
O Padroado poderá acordar a contratación dun director/xerente con competencias en materia de xestión e administración da Fundación. A súa designación e cesamento deben ser notificados ao Protectorado e inscritos no Rexistro de Fundacións.
TÍTULO QUINTO RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 30. Patrimonio fundacional
O patrimonio da Fundación está integrado por toda clase de bens, dereitos e obrigas susceptibles de valoración económica que integren a dotación, así como por aqueles que adquira a Fundación con posterioridade á súa constitución, tanto se se afectan á dotación como se non.
Uns e outros deberán figurar a nome da Fundación, constar no seu inventario e no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
O Padroado promoverá, baixo a súa responsabilidade, a inscrición a nome da Fundación dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio nos rexistros públicos correspondentes.
Artigo 31. Adscrición do patrimonio fundacional
Os bens e dereitos que conforman o patrimonio, así como as rendas que produzan, quedarán vinculados ao cumprimento dos fins que a Fundación persegue, nos termos establecidos na lexislación vixente e nos estatutos.
A Fundación, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase cos recursos que proveñan do rendemento do seu patrimonio e, se for o caso, con aqueloutros procedentes das axudas, subvencións, doazóns, herdanzas ou legados que reciba de persoas ou entidades, tanto públicas como privadas.
A Fundación poderá percibir cantidades derivadas de actividades e servizos directamente prestados por ela aos seus beneficiarios sempre que isto:
- Non desvirtúe o interese xeral para a Comunidade Autónoma.
- Non sexa contrario á vontade fundacional.
- Non implique unha limitación inxustificada do ámbito dos seus posibles beneficiarios.
Na xestión económico-financeira, a Fundación rexerase de acordo cos principios e criterios xerais determinados na normativa vixente.
O Padroado aprobará e remitirá ao Protectorado, nos últimos tres meses de cada exercicio, un plan de actuación en que se conteñan os obxectivos e as actividades que se teña previsto desenvolver no exercicio seguinte, xunto coa previsión de ingresos e gastos e unha memoria explicativa del. O dito plan será depositado no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Artigo 34. Contas anuais
A Fundación levará unha contabilidade ordenada e adecuada á súa actividade que permita o seguimento cronolóxico das actuacións realizadas. Para iso, contará cun libro diario e un libro de inventarios e contas anuais.
As contas anuais comprenden o balance, a conta de resultados e unha memoria. Estes documentos forman unha unidade e deben ser elaborados seguindo os modelos, normas e criterios establecidos na adaptación sectorial do Plan xeral de contabilidade para as entidades sen fins lucrativos.
As contas anuais serán formuladas polo órgano de goberno da entidade, o cal responderá da súa veracidade. Deberán ser aprobadas polo Padroado no prazo de seis meses desde o peche do exercicio económico e presentaranse ante o Protectorado no prazo de vinte días hábiles seguintes ao da súa aprobación para o seu exame e posterior depósito no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Nos casos en que as contas anuais se sometan a auditoría, serán formuladas dentro dos tres (3) primeiros meses seguintes ao día do peche do exercicio. Neste caso presentarase, xunto coa documentación contable, o informe de auditoría correspondente.
Artigo 35. Exercicio económico
O exercicio económico da Fundación coincidirá co ano natural.
TÍTULO SEXTO DA MODIFICACIÓN, FUSIÓN, ESCISIÓN OU EXTINCIÓN
Artigo 36. Modificación de estatutos
Por acordo do Padroado poderán ser modificados os presentes estatutos, sempre que resulte conveniente para os intereses da Fundación e se cumpran os requisitos previstos nestes estatutos e na lexislación vixente.
Procederase á dita modificación cando as circunstancias que presidiron a constitución da Fundación teñan variado de tal maneira que esta non poida actuar satisfactoriamente de conformidade cos estatutos en vigor.
Artigo 37. Fusión e/ou escisión
A Fundación poderase fusionar con outra ou outras, logo do acordo dos respectivos padroados. Igualmente, o Padroado poderá aprobar a escisión de parte da Fundación nos termos e cos requisitos legalmente establecidos.
Artigo 38. Extinción da Fundación
A Fundación extinguirase polas causas legal e estatutariamente establecidas e de acordo cos procedementos previstos na normativa vixente.
Artigo 39. Liquidación e adxudicación
Os bens e dereitos resultantes da liquidación destinaranse ás fundacións ou ás entidades non lucrativas, privadas ou públicas, que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens, incluso para o suposto de disolución, á consecución daqueles, e que estean consideradas como entidades beneficiarias do mecenado, ou a entidades públicas de natureza non fundacional que persigan fins de interese xeral.
Corresponde ao Padroado designar as entidades receptoras destes bens, de acordo co establecido na lexislación vixente.
Artigo 40. Adopción dos acordos e comunicación e inscrición no Rexistro
Para a adopción de acordos de modificación, fusión, escisión, extinción e liquidación será necesario o voto favorable de 2/3 dos membros do Padroado.
Os ditos acordos serán comunicados e/ou autorizados ante o Protectorado para os efectos de cualificación de legalidade, formalizados en escritura pública e inscritos no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
CLÁUSULA ADICIONAL
O contido destes estatutos non implica limitación ou substitución das competencias que a lexislación vixente atribúe ao Protectorado.
A interpretación do establecido nestes estatutos farase en concordancia coa normativa sectorial, que, así mesmo, será aplicable no non previsto neles.